Saturday 04 de May de 2024

A Xunta recibe un total de 18 ofertas para o contrato de conservación e viabilidade invernal das estradas autonómicas das Áreas da Coruña, Ferrol, Bergantiños e Santiago


Este contrato, que se corresponde coa área da Coruña-norte, permite unha vixilancia e control das estradas para detectar anomalías e corrixilas o antes posible

Ademais recolle o programa de vialidade invernal, activo entre novembro e abril coa fin de garantir as condicións de circulación ante os efectos da climatoloxía adversa

A Xunta recibe un total de 18 ofertas ao contrato para garantir a conservación ordinaria e a vialidade invernal das estradas autonómicas da zona norte da provincia da Coruña, que suporá un investimento de 18,5 millóns de euros e permitirá atender 892 quilómetros de estradas das comarcas da Coruña, de Ferrol, de Santiago e de Bergantiños-Costa da Morte nos vindeiros catro anos.

Concretamente, este contrato abrangue os concellos de Coirós, Neda, Paderne, A Coruña, Ares, Cambre, Culleredo, Fene, Sada, Vilasantar, Oleiros, Cabanas, As Somozas, Carballo, As Pontes de García Rodríguez, Cariño, Ortigueira, Boimorto, Vilarmaior, Bergondo, Betanzos, Mugardos, Pontedeume, A Capela, Sobrado, A Laracha, Cerceda, Ferrol, Arteixo, Tordoia, Mesía, Ordes, Monfero, Aranga, Curtis, Frades, San Sadurniño, Miño, Carral, Moeche, Cerdido, Abegondo, Cedeira, Irixoa, Narón, Valdoviño e Oza-Cesuras.

A execución deste contrato redundará na seguridade viaria e tamén contribuirá ao mantemento do emprego a través da promoción da obra pública.

O obxectivo é manter a rede viaria autonómica na zona norte da provincia nas mellores condicións para garantir a seguridade viaria e propiciar desprazamentos máis cómodos e seguros aos usuarios.

O programa de conservación ordinaria permite unha vixilancia e control das estradas autonómicas para detectar anomalías e corrixilas o antes posible.

No marco destas actuacións, inclúese a reposición da sinalización ou das barreiras de seguridade, a limpeza e mantemento dos elementos de drenaxe das estradas ou o repintado da estrada e dos elementos que as conforman.

O contrato tamén contempla os traballos de roza periódicos para o control da vexetación para garantir unha boa visibilidade, así como as melloras de firme ou reparacións de pontes, obras de paso ou noiros de menor entidade.

Ademais, blíndase a atención das emerxencias que se poidan producir na rede de estradas da Xunta. Así, realízanse limpezas de aceites na calzada, retíranse animais mortos ou árbores caídas ou sinalízanse incidentes que condicionen o tráfico.

Tamén recolle o programa de vialidade invernal, que todos os anos se activa en novembro e se prolonga ata abril, dispoñendo os medios materiais e humanos para garantir as condicións de circulación ante os efectos da climatoloxía adversa.

O contrato permitirá subrogar ao persoal que viña desenvolvendo estas tarefas, garantindo un posto de traballo estable a estes traballadores e garante o uso novas tecnoloxías con innovacións na auscultación, que permiten comprobar o estado, a adherencia ou a regularidade superficial do firme.